luns, 1 de decembro de 2025

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores 26 de abril, tivemos unha nova xuntanza coa sección de 3º e 4º da ESO do club de Novela Gráfica. Aínda que por mor dos exames houbo algunhas ausencias, a historia gustou moito a Antón e a Miguel. Para o primeiro pasan demasiadas cousas en pouco tempo nesta novela de Tillie Walden: ¿Me estás escuchando? Pero recoñece que esconde unha gran carga de ensinanzas.

Lou e Bea son dúas rapazas que, como si fose unha road movie, cruzan Texas Ambas escapan dos seus fogares por distintos motivos. Atópanse cun mundo un tanto estraño, son perseguidas por oficiais da Oficina de Asistencia en Carretera, seres que a Patricia lle recordan aos homes grises da novela de Momo de Michael Ende. Podemos pensar que simbolizan o pensamento dominante na sociedade. Ambas rapazas se axudan a asumir reciprocamente o seu pasado e afrontan o seu futuro nunha nova "familia" formada por elas mesmas.

Vémonos na seguinte xuntanza!



sábado, 29 de novembro de 2025

ACTIVIDADES SOBRE O 25-N

 Ola rapazada!

O pasado martes día 25 de novembro celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Como cada curso, a biblioteca únese ás actividades do centro para concienciarnos sobre esta lacra da sociedade.

O alumnado da ESO realizou un evento no patio do centro que consistiu na lectura de frases contra o machismo, escollidas na titoría, que logo introducíronse por parte do voluntariado en globos que foron lanzados ao espazo.




A biblioteca fixo unha selección de libros contra o maltrato que se pode contemplar na hemeroteca da entrada da biblioteca. Entre eles hai unha serie de títulos que nos poden axudar a reflexionar sobre o asunto. Algúns destes libros foron mercados especialmente para esta data.

  • La sombra de la cucaracha de Gato Fernández.
  • Si es amor, no duele de Iván Larreynaga e Pamela Palenciano.
  • Hoy es el último día del resto de tu vida de Ulli Lust.
  • Tengo 14 años y no es una buena noticia de Jo Witek.
  • Eso no es amor de Marina Marroquí.
  • Eso no es sexo de Marina Marroquí.


Tamén realizamos un Concurso de Carteis sobre a efeméride na que as premiadas foron:

  • Inés Solla Tizón de 1º ESO C.
  • Lucía Zi Fernández Castro de 1º BAC C. 

Aquí están cos seus carteis. 


Parabéns!

xoves, 27 de novembro de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DOS RELATOS DE SAMAÍN

Ola rapazada!

Esta semana Andrés fixo a entrega dos diplomas e os vales dos rapaces e rapazas gañadores do Concurso de Relatos de Samaín, que xa va pola súa segunda edición.

Recordade que podedes ver todos os textos cos seus debuxos á entrada do centro, pero que os gañadores están colgados no panel do anexo da biblioteca.

E estes son os premiados.

  • En Lingua Galega
    • Primeiro premio ao microrrelato de terror para Eva Montes González de 2ºC na categoría de 2º de ESO.

    • Primeiro premio ao microrrelato de terror para Iria Zaragoza López de 3ºD na categoría de 3º de ESO.



  • En Lingua Castelá:
    • Primeiro premio a súa descrición dun ser fantástico para Vega Bermejo Hermida de 1º de ESO D na categoría de 1º ESO.


    • Primeiro premio para a vertiente literaria para Némesis Lassey Blanco de 2º A na categoría de 2º de ESO.

    • Primeiro premio na vertiente de debuxo para Asier Zaragoza Couso de 2º B para a categoría de 2º de ESO.
    • Primeiro premio especial para Simón Somoza García de 2º B para a categoría de 2º de ESO.


  • En Lingua Inglesa 
    • Primeiro premio ao diálogo terrorífico para Clara Pernas Santiago de 1º ESO C na categoría de 1º de ESO.


Parabéns, rapaces e rapazas! Grazas por participar!

sábado, 15 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL: CARTAS DE INVERNO

Ola rapazada! 

O pasado luns 10 de novembro tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro Cartas de inverno (1995) de Agustín Fernández Paz. 

Esta obra narra a historia do escritor Xabier Louzao, quen, despois dunha longa estadía en Quebec, volve a Galicia e se atopa coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Porén, alí, na vella vivenda colonial, os dous amigos teñen que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

O alumnado asistente destacou como o autor se apoia nas ilustracións de Antonio Seijas á hora de contar os feitos, así como a temática de terror, referida ás casas antigas encantadas e aos seres estraños, ao máis puro estilo Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft, quen é mencionado na propia obra, por certo. 

Sen dúbida, unha novela máis que recomendable, se che gusta o suspense, que as túas pulsacións suban e chorrear adrenalina. Goza da súa lectura e pasa un anaco arrepiante!

Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra O crepúsculo e as formigas (1961) de Xosé Luis Méndez Ferrín.


xoves, 13 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA. A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN

Ola rapazada! 

Con algunhas baixas tivemos a xuntanza co grupo de 1º e 2º da ESO do club de Novela Gráfica. Limos máis que unha novela gráfica (como nos explicou Patricia) un álbum ilustrado. Moi ben ilustrado por Bea Gregores, ao noso entender. Pero sen os debuxos entendemos a novela perfectamente, cousa que na novela gráfica, estrictamente, non sucede.

Dito isto, A lavandeira de San Simón non lles emocionou moito aos nosos lectores se ben queren darlle outra oportunidade xa que imos compartir as nosas impresións co Club de Lectura do noso veciño IES Saturnino Montojo.


Eva Mejuto cóntanos a historia dunha familia cuxo pai sofre a cadea inxusta na illa de San Simón, logo de perder a Guerra Civil. As nais e os fillos e fillas deben subsistir orfos dos seres queridos, e moitas mulleres teñen que traballar para facerlles máis fácil a existencia no campo de concentración, levándolles comida e roupa limpa. 



Coñecendo un pouco máis a nosa propia historia aprendemos a rexeitar comportamentos inxustos que aínda hoxe se producen en moitas partes do mundo.

Vémonos na seguinte xuntanza!


luns, 10 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL. FORMIGAS

Ola rapazada!

Hoxe tivemos dúas sesións do Club de Narrativa Xuvenil. No primeiro recreo xuntámonos as rapazas de 1º de ESO logo de ter adiada a sesión por causas alleas á nosa vontade. No segundo tivemos a sinalada reunión co alumnado de 4º e bacharelato. Nesta entrada falaremos da primeira xuntanza e noutra posterior da segunda. 


Na sesión comentamos a lectura dunha novela da saga Formigas de Pepe Tobaruela e que xa vai polo volume 8: Misión París, Misión Nova York, Misión Barcelona, Misión Tokyo, Misión Camiño de Santiago, Misión Rosalía, Misión Entroido e Misión Samaín


Concretamente limos Formigas: misión París. Nela a brigada especial da policía chamada Formigas integrada por FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 E FORM4IL resolve a desaparición de varios persoeiros arrincados de cadros do Museo do Louvre como a rapaza do cuadro de Delacroix A liberdade guiando ao pobo.


A novela resultoulles fácil de ler e gustou moito ás nosas sete rapazas lectoras (Alicia, Antía, Blanca, Inés, Laia, Sabela e Xiana), algunhas das cales xa coñecían París e o Museo do Louvre. 

Vémonos na seguinte xuntanza con O misterio de Portomarín de Antía Yáñez.

domingo, 9 de novembro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA: ¿A QUIÉN BENEFICIAN LAS MIGRACIONES?

Ola rapazada!

O pasado mércores día 5 asistimos á primeira reunión do Club de Novela Gráfica para bacharelato. Produciunos unha gran alegría ver como seguides acompañándonos despois de tres cursos de forma constante e participativa. Ademáis temos que dar a benvida a rapaces e rapazas novas que se apuntaron a esta iniciativa: Daniela, Camila, Leonardo, Adriana, Carolina, Noa, Lydia...


Comezamos lendo un libro de banda deseñada ¿A quién benefician las migraciones? que máis que unha novela gráfica que narre os feitos acontecidos a uns personaxes, mostra datos obxectivos sobre o problema das migracións.


Trátase dun traballo feito en conxunto pola documentalista franco-finlandesa Taina Tervonen e o ilustrador Jeff Pourquié. A primeira viviu en Senegal ata os quince anos e fala wólof. A súa obra foi traducida a moitos idiomas e recibiu varios premios por parte de Asociacións de Xornalistas e de Libreiros.


Logo da lectura, falamos, como indica o título do libro, sobre o negocio lucrativo do fluxo migratorio desde África a Europa. Uns poucos, traficantes, industrias de armamento, certos empresarios sen escrúpulos, están interesados en apartar calquera consideración ética sobre esta devastación que deixa tantos mortos no Mediterráneo.

Esperamos que estas lecturas sirvan de revulsivo, como xa foi a novela lida o curso pasado Cuando brillan las estrellas, para o voso compromiso persoal.

Vémonos na vindeira sesión!


mércores, 5 de novembro de 2025

SAMAÍN: LECTURAS COMPARTIDAS

Ola, rapazada!

O pasado xoves 30 de outubro realizamos unhas lecturas compartidas por mor do Samaín. 

Como sabedes, esta festividade de orixe celta é unha celebración liminar, é dicir, nela a fronteira que separa o noso mundo do dos espíritos dilúese. Ou iso crían os nosos antepasados. Debido a isto, estes ofrecían comida e bebida para que a xente e o seu gando sobrevivisen ao frío inverno. 


Porén, nós preferimos conmemoralo mediante a lectura de dous relatos de terror: Sobre a morte de Bieito [en Dos arquivos do trasno (Dieste, 1926)] e Antón de Cidrán [ Á lus do candil (Fole, 1953). No primeiro, nárrase a historia dun home que transporta un cadaleito e sente que o morto se move dentro del. Ante esta situación, a súa decisión é permanecer en silencio, malia dubidar se foi unha ilusión ou se realmente ía vivo. No segundo, Antón e o seu compadre van ás festas do San Froilán, en Lugo, e, ao volver á casa por un atallo, Antón ve ao lonxe un enterro. Ao día seguinte, morre dun accidente, polo que se cumpre a crenza de que quen presencia o seu propio enterro en vida, ten próxima a morte. 


Para darlle voz a estas dúas narracións, contamos co alumnado de cuarto da ESO (Lucía, María, Myriam, Antón, Laura, Andrea, Nis, Lara, Carmen e Sara), que leu en dúas quendas ambos os dous relatos ao estudantado de primeiro. Alén disto, as sesións pecháronse cun pequeno fragmento de Xabier P. Docampo, titulado "Eu teño medo" e recollido na súa obra Cando petan na porta pola noite (1994). 

Agardamos que fose do agrado de todas e todos, e que vos animedes a participar o vindeiro ano co gallo de seguir conservando este tradicional festexo.



mércores, 29 de outubro de 2025

XUNTANZA SOBRE HEARTSTOPPER

Ola rapazada!

Hoxe tivemos a primeira xuntanza coa sección de 3º e 4º da ESO do Club de Novela Gráfica, aínda que por diversas circunstancias, algúns dos seus compoñentes non puideron asistir.


Antón, Miguel, Inés e Mar comentaron a primeira novela de Alice Oseman, que xa vai polo seu quinto volume. Estes cinco volumes témolos á vosa disposición na biblioteca. 

Todos disfrutaron da lectura desta novela, da relación de parella entre Charlie e Nick.  Antón criticou que fora tan idealista e comentou que lle gustaran máis outras obras desta autora. Dani afirmou que un pouco de romanticismo nesta relación é o obxectivo da ilustradora para idealizar a situación tan sensible dos amores adolescentes, máis se son entre rapaces do mesmo sexo.


Raquel e Carlos tamén aportaron as súas opinións e compararon a nula aceptación deste tipo de relación na súa etapa escolar coa tranquilidade e a normalidade actual.

Vémonos na vindeira xuntanza!

sábado, 25 de outubro de 2025

PRIMEIRA XUNTANZA DA SECCIÓN DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores, tivemos a primeira xuntanza do grupo de 1º e 2º da ESO do Club de Novela Gráfica. Atopámonos cos rapaces do curso anterior: Sara C., Sara L., Emma, Carolina, Gabriela e Lucas, aos que se sumaron os novos lectores de primeiro: Sergio, Sarah, Vega, Celia, e tamén de segundo como Némesis. 


En canto aos profes, tivemos a sorte de contar con tres novidades: Carlos, profe de Mates; Irene, de Plástica; e Belén, de Galego. 

Limos a novela ¿Y a ti qué te ha pasado? de Jenny Jordahl, obra gañadora do Brage Prize 2020 ao mellor libro infantil e xuvenil. A novela trata dos problemas dunha rapaza chamada Janne á que lle sobran algúns quilos. A súa familia quere axudala a perder peso, pero os problemas de Janne non desaparecen como os quilos. Soamente un compañeiro sabe apreciarla sinceramente, sexa fraca ou gorda. 


Esta historia convida á reflexión sobre os trastornos alimentarios, a diversidade e a amizade. O diálogo e a comprensión familiar e dos amigos é fundamental nestes casos.

Todos os rapaces falaron da súa opinión sobre a novela e, entre todos, sacaron moitas conclusións aplicables ás súas problemáticas persoais. 


Irene axudounos a reflexionar sobre o uso da cor e algúns trazos dos retratos dos personaxes.  

A todos queremos agradecer a súa participación e darlles a nosa benvida! Vémonos na vindeira sesión!

luns, 13 de outubro de 2025

O CLUB DE DEBATE ARRINCA CON FORZA

Ola rapazada!

Durante as dúas últimas semanas, o club de Debate xuntouse para practicar as súas argumentacións por cursos. Debatiron sobre o feito de levar uniforme nos centros escolares. Un rapaz defendía unha postura a favor e o outro argumentaba en contra. Lucía está tomando nota das exposicións de cada un para darlle o seu rol nos debates futuros. 


Lucía xa programou as novas reunións dos martes deste trimestre e que están resumidas neste cartel, que tamén podedes consultar nos corredores e na biblio. 

 
Parabéns polo voso esforzo e moita sorte nos vindeiros debates!



luns, 29 de setembro de 2025

PRIMEIRAS XUNTANZAS DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA E DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapazada!

O pasado mércores 24 tivemos xa na nosa biblio a primeira xuntanza do Club de Novela Gráfica. O anexo estaba repleto de xente e esquecémonos de tomar fotografías. Pero xa repartimos os exemplares das tres seccións:

  • ¿Y a ti qué te ha pasado? para os rapaces de 1º e 2º da ESO
  • Heartstopper para os rapaces de 3º e 4º da ESO
  • ¿A quién benefician las migraciones? para os rapaces de BAC

Hoxe tivemos a sesión inaugural da  xuntanza sobre Narrativa Xuvenil. Formáronse dous estupendos grupos que terán as seguintes lecturas: 

  • Formigas: misión París para 1º de ESO.
  • Cartas de inverno para 4º e BAC.



Aquí vos deixamos as posibles datas dos vindeiros encontros.



mércores, 17 de setembro de 2025

COMEZA UN NOVO CURSO NA NOSA BIBLIO

Ola rapazada! 

Comeza un novo curso na nosa biblio. Queremos darvos a benvida a todos, especialmente aos novos alumnos, e contarvos que moi pronto dará inicio a nova tempada de actividades. 

A principal novidade deste curso vai ser un Club de Debate que quere axudarvos a pensar, argumentar e falar en público. Promete emocións e posibles premios e viaxes. A primeira xuntanza informativa terá lugar xa moi pronto: o vindeiro venres día 19 no primeiro recreo. A nova profe de Lingua Castelá, Lucía, contaranos a interesante proposta.

O xa veterano Club de Novela Gráfica continuará os mércores no segundo recreo. Os profes organizadores, Dani, Patricia, Pilar e Raquel C., convocan a primeira xuntanza para o mércores 24 de setembro, Día das Bibliotecas Escolares. Confiamos ter o mesmo éxito que os pasados cursos. 

A terceira proposta será o Club de Narrativa Xuvenil en lingua galega, que se reunía, xa dende dous cursos atrás, os luns nos segundos recreos. Seguiremos esta tempada co asesoramento de Belén, Montse e Raquel N. A xuntanza informativa terá lugar o luns 29 de setembro

Esperamos que enchedes o anexo da biblio nas citadas reunións, xa anunciadas na cartelería do centro.

Esperámosvos!

E sobre todo, desexamos que estas propostas vos interesen e poidades achegar as vosas suxestións. 


xoves, 19 de xuño de 2025

TRÍPTICO DE FINAL DE CURSO

Ola rapazada!

Este ano propuxémonos ser un pouco orixinais no noso tríptico de fin de curso. Xuntamos as recomendacións de lectura dos nosos dous Clubs (Novela Gráfica e Narrativa Xuvenil en galego) coa publicación dos gañadores do II Concurso de Poesía en todas as linguas do centro. 

Este é o resultado. Esperamos que vos guste!

Confiamos en que gocedes do verán e que o vindeiro curso sigades tendo como faro do instituto a nosa biblioteca.



martes, 10 de xuño de 2025

ENCONTRO ENTRE DOUS CLUBS DE LECTURA. VISITA DAS RAPAZAS DO IES SATURNINO MONTOJO

Ola rapazada!


Hoxe tivemos unha xornada especial. Un emotivo encontro entre o noso Club de Novela Gráfica de 1º e 2º de ESO co correspondente Club do IES Saturnino Montojo. O libro lido en común era a versión gráfica da novela Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, ilustrada por Iria Aldegunde.


Aínda que non se coñecían os rapaces, pronto houbo un bo ambiente entre eles no xantar no noso pinar. A continuación ensinámoslles a nosa biblioteca, onde tivemos unha sesión na que lemos o comezo da novela de Xosé Neira Vilas e cada quen puido dar o seu parecer sobre a versión gráfica. Algunhas rapazas leran tamén a propia novela e comentaron que a novela gráfica pareceulles un pouco escasa e, pola semellanza entre os personaxes, algo confusa. 


Pero outras rapazas valoraron como as cores mostraban os sentimentos de Balbino, que pasa polo namoramento platónico coa súa mestra, polo sufrimento polo maltrato familiar, e polo acoso do neno rico da aldea. 


Isto levounos a lembrar a vida dos nosos maiores nas aldeas, a procurar coñecer o vocabulario do mundo labrego. E penso que moitas de nós sacamos a conclusión de ler a novela e tamén de escribir para desafogarse... 

Rematamos a sesión cos regalos e as fotos. Esperamos que o vindeiro curso, poidamos visitar nós o seu instituto.